O CHUO súmase á OMS na súa estratexia de concienciar a profesionais e usuarios da importancia deste sinxelo xesto nos coidados e procesos asistenciais.

A hixiene das mans, un xesto que salva vidas

No Día Mundial da Hixiene de Mans, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense sumouse á estratexia da Organización Mundial da Saúde, de concienciar sobre a importancia para a saúde dos pacientes dunha correcta hixiene de mans, ferramenta esencial de prevención dos riscos asociados a propagación de xermes, especialmente importante nos centros sanitarios pero tamén na casa, nos coidados ao alta, ou con pacientes dependentes.

Este ano o Servizo de Medicina Preventiva do CHUO quere estender a a correcta práctica da hixiene de mans tamén á poboación, facéndoa partícipe dos coidados e promovendo a continuidade das prácticas de hixiene de mans tanto no hospital como na casa, medida imprescindible para reducir o risco de extensión de infeccións relacionadas cos coidados e a asistencia sanitaria.

Para tal fin, este xoves o complexo hospitalario ourensán acolleu unha mesa informativa que, atendida por persoal sanitario de Preventiva, Calidade e alumnas da Escola de Enfermería de Ourense distribuíu, entre persoal e visitantes, consellos e material informativo para unha correcta hixiene de mans, especialmente en cinco momentos clave: antes e despois de tocar ao paciente ou seu entorno, antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica (como realizar unha cura, colocar unha vía, darlle a comida ou medicación, etc.) e despois da exposición a fluídos corporais do paciente (ao retirar material sucio como cueiros, vendaxes, etc.)

As infeccións relacionadas coa atención sanitaria (IRAS) supoñen unha seria carga de enfermidade e teñen un importante efecto asistencial nos pacientes, e económica nos sistemas sanitarios de todo o mundo, polo que o desenvolvemento de medidas neste eido permiten salvar vidas.