A partida de investimentos ronda os 1,5 millóns de euros.

Os orzamentos de Verín para 2016 alcanzan os 10,2 millóns

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, presentaron este venres os orzamentos municipais previstos pola institución municipal para este ano 2016.

As contas, que alcanzan os 10.239.832,80 euros, mudarán -a xuízo do alcalde- a tendencia de décadas de inversións materiais sen unha orientación clara pola inversión produtiva e modernizadora, destinada a equipar a Verín coas infraestruturas que necesita a segunda cidade da provincia e a garantir a fixación da poboación e o seu crecemento futuro.

O rexedor explicou que estes orzamentos caracterízanse pola contención do gasto, nun 18%, froito da remunicipalización responsable de servizos, e o prudente e racional cómputo dos propios recursos, así como un incremento dos ingresos propios, xa que “temos recuperado a xestión directa de importantes parcelas da vida económica municipal, antes depositadas en mans alleas”.

Estes orzamentos, que dedican a investimentos case 1,5 millóns de euros, deixarán na vila a equipación necesaria para afrontar o desenvolvemento real e sostible da cidade mediante a construción de infraestruturas das que hoxe carece, como a creación do centro de día, instalacións para a mocidade, rede de aparcamentos libres, a rehumanización das rúas, a creación de novas zonas verdes e a construción de infraestruturas viarias que descolapsen o centro de tráfico e que creen alternativas ciclopeonís e rodadas modernas.

Para Seoane é fundamental dotar a Verín das infraestruturas necesarias para afrontar unha revolución no crecemento e consolidación da segunda cidade da provincia. “Trátase dun cambio histórico na orientación das inversións en Verín. En vez alugar traxes, imos construír un bo fondo de armario para que esta cidade fixe e afronte un despegue económico e poboacional: inversións reais, destinadas a mellorar a calidade de vida no Casco Vello, dinamizar a vida cultural e social, conquistar dereitos asistenciais básicos aínda inexistentes (centro de día) e dotar á cidade dun cinto de infraestruturas (aparcamentos, parques) e servizos dos que hoxe carece e consideramos fundamentais.”, explicou o rexedor verinense”.

Pola súa parte, o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, comezou a súa intervención sinalando que “entendemos que o orzamento que se presenta para a súa aprobación recolle un claro equilibrio dos programas electorais dos partidos que forman a coalición de goberno e que no mesmo se fan fincapé naquelas cuestións fundamentais para o actual grupo de goberno”.

En primeiro lugar, sinalou Lourenzo, “debemos destacar a aposta política deste goberno pola remunicipalización de servizos públicos que, coma a ORA, a limpeza de edificios ou a futura limpeza viaria, puideron parecer arriscados nun principio, pero que agora reportaran importantes beneficios para todos os verinenses e que antes quedaban en mans alleas”. De esta maneira  os ingresos pola xestión directa da ORA increméntanse neste orzamento en un 166%, o que ven a sumarse a outros ingresos que antes se escapaban do concello, como a taquilla do cinema municipal.

En canto ás axudas e subvencións que se conceden a outras institucións, cabe resaltar o aumento nun 11,23 % no gasto social co fin de cubrir as necesidades de emerxencia social e conseguir minimizar os efectos da crise económica, o aumento do 496,58 % producido polo incremento das partidas destinadas as subvencións a entidades culturais e deportivas e unha nova liña de axudas a asociacións veciñais de núcleos rurais e mulleres rurais. En canto ás subvencións nominativas, aumenta un 101,03% con base na formalización de diversos convenios de colaboración a entidades que realizan fins de colaboración social. “Coma novidade”, adiantou Lourenzo, “impleméntase unha dotación para a Asociación ProAnimales, para a Agrupación Comarcal Cruz Vermella e establécense liñas de colaboración co Verín Club de Fútbol ou a Agrupación de Voluntarios, xa existentes no período anterior pero cun aumento significativo neste momento”.

Para finalizar, Diego Lourenzo asegurou que  “en canto a xeneralidade da débeda, tal e como establece o Estado de Previsión de Movementos e Situación da Débeda podemos asegurar que diminúe o endebedamento con entidades bancarias e no cómputo xeral atopamos unha redución do endebedamento global nun 23,74% e dun 28,67% en relación o exercicio anterior. Do mesmo xeito”, destacou o edil municipal, “se pagara un 49,87% menos en pago de intereses dos prestamos e créditos solicitados”.