A App da Deputación permitirá proximamente aos cidadáns mercar publicacións da institución provincial ou entradas para espectáculos que se celebren en instalacións da Deputación.

Presentada a aplicación móbil da Deputación para o pagamento de impostos

A Deputación de Ourense e Abanca veñen de presentar a aplicación de software para dispositivos móbiles e tabletas (App) da institución provincial, unha ferramenta tecnolóxica que terá entre as súas primeiras aplicacións o pagamento dos impostos locais, sen custo adicional, “o que facilitará aos contribuíntes as xestións administrativas, as cales poderán realizar en calquera hora e día a través do móbil ou tableta”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación no que estivo acompañado polo director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, e polo director de Innovación da entidade bancaria, Eduardo Aldao.

O presidente do goberno provincial destacou que esta aplicación da App para o pagamento dos tributos locais “é un primeiro paso de todo o labor tecnolóxico que o goberno provincial está a desenvolver para facilitarlle aos cidadáns as xestións administrativas que teñen que realizar”, dixo Manuel Baltar, avanzando que outras utilidades que terá proximamente a APP da Deputación “permitirán aos cidadáns mercar publicacións da institución provincial ou entradas para espectáculos que se celebren en instalacións da Deputación, en definitiva, unha ferramenta tecnolóxica que ofrece información ao momento e presta servizos aos cidadáns para que poidan tramitar e resolver as súas xestións coa máxima comodidade, celeridade e seguridade”.

Manuel Baltar agradeceu a Abanca a súa implicación neste proxecto innovador e a súa capacidade tecnolóxica “para implementar este sistema de xestión de pago”, agradecemento que fixo extensivo “ao tesoureiro da Deputación de Ourense, Miguel González, e aos servizos técnicos do ente provincial, “porque desta maneira seguimos achegando a Deputación de Ourense á cidadanía”.

Pola súa banda, Rubén Saavedra sinalou que grazas a esta App, “os cidadáns poden pagar os impostos locais que xestiona a Deputación de xeito rápido e sinxelo, con total comodidade, sen desprazamentos e a calquera hora do día”.  A aplicación permite realizar o pagamento do recibo en dous cómodos pasos. Primeiro elíxese como se introducen os datos do recibo (facendo unha foto coa cámara do móbil ou tableta ao código de barras, introducindo os números do código de barras ou escribindo os datos do recibo) e, a continuación, hai que teclear os datos da tarxeta para efectuar o pagamento. Para axilizar a introdución de datos, tanto da tarxeta como do recibo, a ferramenta permite engadilos facéndolles unha foto coa cámara do dispositivo.

A aplicación conta, ademais, cun asistente que axuda ao usuario a formalizar o pagamento de recibos guiándoo en todo o proceso. O abono de recibos a través desta aplicación informática é gratuíto, sen ningún tipo de comisión.