Ourense en Común e PSOE veñen de solicitar a creación dunha mesa de traballo para desbloquear a apertura do mercado.

O BNG esixe xestión pública da Praza de Abastos da Ponte

O BNG defendeu este luns de novo a proposta de xestión pública da Praza de Abastos da Ponte que xa levou a pleno en xuño de 2014 e que fora retirada nalquel momento cos votos de PP e PSOE e a abstención de Democracia Ourensana.

Tras o debate do pasado pleno no que a petición de xestión pública da Praza de A Ponte feita por Democracia Ourensana, o BNG sinalou que “ningún grupo político da corporación parece saber que facer con este espazo singular da cidade”. Xosé Fernández Baltar, responsábel local, sinalou “uns queren xestión privada, outros parece que pública pero ninguén ten unha proposta de modelo da praza agás o BNG”.

As nacionalistas rexistraron no Concello de Ourense un documento dirixido a todos os grupos políticos no que reclaman que se retome o proxecto Come Ourense e no seo do mesmo a proposta de dedicar a Praza de Abastos da Ponte á venda de produtos e produtoras ecolóxicos e de proximidade para convertela nun punto singular da cidade, vinculado aos modelos de mercado europeos que hoxe apostas pola innovación e a especialización.

No encontro do Grupo de Acción Local realizado a finais do pasado mandato con presencia de colectivos sociais, ecoloxistas, veciñais, representantes da Praza de Abastos Nº1, técnicos municipais e representantes políticos decidiuse apostar por esta liña de traballo que leva un ano paralizada co novo goberno e sen ningún impulso por parte da oposición.

Explica Ximena González que “a idea que hoxe reiteramos xa aparece no Plan de Acción Local do proxecto Come Ourense e se hoxe non esta aberta a praza e funcionando como punto singular do mesmo é por responsabilidade de toda a corporación actual, e do PSOE que xa en 2014 impediu que saise adiante esta proposta”.

PSOE e OUeC piden unha mesa de traballo sobre o mercado

En relación á Praza de Abastos da Ponte, Ourense en Común e PSOE veñen de solicitar a creación dunha mesa de traballo para desbloquear a apertura do mercado. A comisión contaría con representación de todos os grupos da oposición, comerciantes e técnicos municipais.

Afirman os dous partidos da oposición que a paralización da Praza de Abastos está prexudicando economicamente ao barrio da Ponte, recordando que  veciños e comerciantes reclamaron coa presentación de máis de 4.000 firmas de apoio a reapertura deste espazo.