O proceso de reorganización da propiedade permitiu pasar de 9.045 parcelas a 2.053 fincas.

Os veciños de Porqueira poden tomar posesión da súas fincas trala concentración parcelaria

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns o aviso polo que se anuncia a toma de posesión provisional das fincas resultantes do proceso de reorganización da propiedade de Porqueira II, no concello ourensán de A Porqueira. Esta reestruturación parcelaria supuxo a reorganización de 9.045 parcelas pertencentes a 796 propietarios en só 2.053 fincas.

Respecto ao orzamento, lévanse investidos algo máis de 2,3 millóns de euros destinados na  súa meirande parte (1,7 millóns de euros) á execución da rede de camiños principais, que agora facilitarán a comunicación entre os distintos terreos e os desprazamentos. Ademais, con este tipo de procesos, a Xunta de Galicia contribúe a modernizar as explotacións e a aumentar o valor da base territorial.

Este anuncio supón un paso definitivo no proceso reestruturador, ao poñerse as novas fincas a disposición dos veciños. A partir da toma de posesión, os adxudicatarios terán 60 días de prazo para reclamar ante a Xefatura territorial de Medio Rural en Ourense, no caso de que existan diferenzas superiores ao 2% entre a cabida real das novas fincas e a que conste no expediente de concentración.