Alumnado do IES García Barbón participan nun obradoiro sobre cooperativismo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou en Ribadavia, na adega Cume de Avia, xunto con 50 alumnos e alumnas do IES García Barbón de Verín no obradoiro de ‘Emprendemento Cooperativo Eusumo’ que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Rede Eusumo.

O director xeral salientou nesta adega, dedicada ao cultivo e  produción do viño de xeito completamente ecolóxico, os apoios da Xunta a este sector a través da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación do Goberno galego en materia laboral.

Deste xeito, explicou que esta folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. O que se pretende é incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística que lles axude a competir.

A Xunta destina este ano 5,4 millóns de euros para fomentar a Economía Social con diferentes liñas de axudas entre as que a Axenda 20 para o Emprego inclúe o Programa Aprol para promover a contratación do sector con preto de 3 millóns de euros.

Esta iniciativa contén, entre outros, axudas ás cooperativas e sociedades laborais que incorporen persoas sociais traballadoras e incentivos para a posta en marcha de novos proxectos e específicos para menores de 30 anos para fomentar o cooperativismo xuvenil. Tamén inclúe apoios para os programas de integración e intercooperación para poñer en marcha proxectos entre entidades de Economía social e de colaboración empresarial en eidos como I+D+i, comercialización ou internacionalización.

Marnotes, ademais, explicou que o Goberno galego está a ultimar a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, que inclúe un total de 87 medidas co obxectivo de potenciar a competitividade e internacionalización deste sector.

En definitiva, o director xeral de Orientación indicou que a Xunta pretende potenciar ás empresas de Economía Social polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial con atención ás destinadas ao rural.

Durante 2016 xa son preto de 20 os centros educativos que teñen participado nos obradoiros de ‘Emprendemento Cooperativo Eusumo’ organizados pola Rede Eusumo que promove a Consellería de Economía.