A Plataforma ourensá quere que a Consellería de Política Social realice os trámites necesarios para a redacción do proxecto e execución da primeira fase do centro,

ProCAPD reclama á Xunta que comprometa o gasto para o centro de atención á discapacidade funcional

A Plataforma ProCAPD Ourense mantivo unha xuntanza o 9 de maio na que constatou que «nin a Consellería de Política Social nin o Consello da Xunta de Galicia deron un só paso firme para materializar a creación dun centro de atención a persoas con discapacidade funcional (CAPD) en Ourense». O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, comprometérase o pasado 27 de abril cunha representación dos pais e nais de mozos e mozas con discapacidade psíquica e física do Centro de Educación Especial “Miño”, de Velle, a construír un centro en Mariñamansa, de xetión pública e dotado con 48 prazas.

Apenas dúas semanas despois, ProCAPD Ourense quere «compromisos serios» que pasarían, en primeiro lugar,  por realizar os expedientes de modificacións orzamentarias do exercicio actual necesarios para comprometer o gasto e inversión de redacción do proxecto e execución da primeira fase do centro.

A Plataforma tamén reclama que a capacidade do centro sexa de máis de 100 prazas «dada a alta demanda que ten a provincia de Ourense», e que dada «a urxencia e a situación familiar das nais e pais» o proxecto debera ser iniciado «con carácter inmediato». Insisten, asemade, en que o centro debe ser 100% de xestión e titularidade públicas.

Na xuntanza deste luns acordaron dirixirse ao conselleiro de Política Social para solicitarlle unha visita ás instalacións propostas «para que os técnicos da consellería expliquen aos representantes da Plataforma cal sería o proxecto que teñen para o CAPD de Ourense».