A campaña internacional celebrarase entre os días 15 e 30 de maio, resaltando o papel prazas de abastos na compra de produtos frescos e de calidade.

A Praza de Abastos súmase á campaña «Quere o teu mercado»

Este xoves presentáronse na Praza de Abastos nº1 de Ourense os actos que se van desenvolver ata finais de mes con motivo da campaña internacional «Quere o teu mercado», que se celebra ata finais de mes en 17 países de Europa, América e Asia. Na rolda de prensa participaron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o presidente dos comerciantes, Emilio González.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a celebración por segundo ano na comunidade desta iniciativa apoiando diferentes actividades de dinamización en prazas de abastos de toda Galicia, en colaboración cos concellos e as  federacións e asociacións de praceiros. Na provincia de Ourense, participan tamén as prazas de Celanova, O Barco, O Carballiño, Ribadavia e Xinzo.

No marco de «Quere o teu comercio» desenvolveranse distintas propostas para visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade. Entre as actuacións específicas promovidas pola Xunta xunto co sector celebrarase o vindeiro sábado 28 de maio o Día do Mercado, poñendo en valor a calidade e a profesionalidade das prazas galegas.

Na Praza de Abastos de Ourense están previstas diferentes actuacións musicais, actividades para os máis pequenos, degustacións centradas en produtos do mercado, concursos escolares, de selfies e de patrimonio oral, reparto de merchandaising, visitas guiadas para diferentes colectivos sociais, recopilación oral e gráfica de patrimonio sobre a praza, xornadas de micrófono aberto aos consumidores, xornadas de caña e pincho a 1 euro e ata unha comida popular na contorna do mercado municipal, cun menú típico de Galicia (polbo, empanada, carne, bica, café e bebida) a 22 euros.Ademais, o día 25 de maio celébrase o día da Defensa do sector lácteo galego, coa colaboración da Consellería do Medio Rural, no que se repartirá leite baixo a marca Galega 100%.

O presidente dos comerciantes apuntaba que esta campaña supón o último gran evento antes de que se inicie o traslado dos praceiros á Alameda, previsiblemente en xaneiro de 2017, para proceder ás tan agardadas obras de modernización do recinto. Nesa mesma liña, sinalaba a directora xeral de Comercio, «este programa supón en Ourense una pequena, pero alegre, despedida porque é o inicio dun novo pulo para os praceiros deste mercado” .