Será este luns 16 de maio a partir das 22 hora no Paseo dos Amieiros.

O Concello de Barbadás e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, organizaron para este luns, 16 de maio, unha actividade de observación astronómica que se desenvolverá a partir das 22 horas no Paseo dos Amieiros (xunto ás piscinas municipais). Está dirixida a todos os públicos e os participantes poderán observar a Lúa, o planeta Xúpiter, cúmulos e estrelas dobres. Non é necesaria inscrición previa. Será unha sesión aberta a todas as persoas que desexen participar.

Por primeira vez o Concello de Barbadás, a través da Concellería de Educación, colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa Todocosmos, que pretende achegar o mundo da astronomía aos cidadáns. Nesta primeira observación astronómica, o persoal do observatorio astronómico guiará aos participantes para que poidan ver a través de telescopios profesionais. E os asistentes que queiran poderán traer os seus propios telescospios.