Os socialistas acusan ao Goberno do PP de ocultar información á oposición e aos veciños do Pino sobre as negociacións que están a levar a cabo coa Xunta de Galicia sobre o futuro da parcela da actual estación.

O Grupo Municipal Socialista vén de presentar a través do rexistro xeral do Concello unha batería de preguntas en relación coa situación urbanística na que se atopa a parcela da actual estación de autobuses de Ourense, situada no Barrio do Pino.

Solicitouse acceso e vista do expediente e/ou informes técnicos relativos ao uso futuro destes terreos, a situación urbanística dos mesmos a data 9 de agosto de 1985, información sobre a tramitación necesaria para a súa recalificación e resposta do Goberno Municipal de se estes terreos revertiran ao seu propietario como sería a súa calificación.

Trala reunión mantida con representantes da AVV As Termas, na que lle trasladaron as inquedanzas ante o futuro destino da parcela e a falta de información por parte do alcalde dende o mes de xaneiro, púxose de manifesto a resposta remitida pola propia Xunta de Galicia á asociación, na que literalmente informaban que “a parcela é de titularidade municipal, polo que a decisión última sobre o futuro da mesma corresponderá ao Concello, se ben lle informo, que dentro dos traballos da estación intermodal, estase a analizar dende o punto de vista xurídico, en colaboración co Concello de Ourense, o destino final da parcela que ocupa actualmente a estación de autobuses.”

Ante estas informacións, o GMS denuncia unha vez máis o «escurantismo» do Goberno do PP e o seu Alcalde, que non informa aos veciños do barrio do Pino dende o mes de xaneiro e negocia á marxe da oposición coa Xunta de Galicia o futuro uso da parcela da estación de autobuses de Ourense.