O venres 20 de maio cúmprense 20 anos da inauguración do edificio que acolle a sede provincial de Cruz Vermella en Ourense na rúa Díaz de la Banda.

Cruz Vermella Ourense conmemora mañá  o 20 aniversario da súa actual sede en Díaz de la Banda. Para recordar esta data, voluntariado, persoal técnico e participantes do programa de Maiores realizarán dúas fotografías para a historia: unha ante os antigos locais da Cruz Vermella na Deputación Provincial, e outra ante a actual sede.

Dende a súa constitución en 1893, Cruz Vermella en Ourense realizou as súas actividades en distintos puntos da cidade, entre os que se atopaba o antigo convento de Santo Domingo.

Entre  1931 e 1996 os locais da Rúa Fonte do Rei, cedidos pola Deputación Provincial, foron a sede e o centro de coordinación do labor desenvolvido polo voluntariado da Institución durante eses anos: un labor que se adaptou a novas realidades, ampliando a súa actuación do ámbito sanitario e de primeiros auxilios cara a novos programas e proxectos de carácter social.

As fotografías que se realizarán este venres pretenden retratar a pegada da Cruz Vermella en Ourense, recordar a súa historia e reivindicar os principios de humanidade e voluntariado na construción  dunha sociedade máis xusta e solidaria.