Trátase de sete camións e un furgón, adscritos á Área de Medio Ambiente.

Novos vehículos incorpóranse á flota de recollida de lixo da Deputación

A Deputación de Ourense segue a renovar a súa flota de camións para a recollida de lixo, coa incorporación de sete vehículos recolectores de carga traseira de residuos sólidos urbanos e un furgón, adscritos a Área de Medio Ambiente. A presentación tivo lugar este xoves no Parque de Maquinaria da Deputación de Ourense, a cargo do deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, acompañado de técnicos do Servizo de Augas e Medio Ambiente.

Pablo Pérez destacou que este é un exemplo máis “da aposta que fai a Deputación de Ourense por unha provincia verde, un dos eixos fundamentais do plan de goberno “Ourense 15-19”, e engadiu que a renovación da flota “repercute na eficiencia e mellora dos servizos que presta o ente provincial nos concellos adheridos ao servizo de recollida de lixo”.

O novo equipamento está destinado ao servizo intermunicipal de recollida de residuos sólidos urbanos en diferentes puntos da xeografía ourensá e con diferente frecuencia, recollida que está regulada polo Convenio Marco de cooperación entre a Deputación e os 50 concellos da provincia adheridos ao mesmo. Os novos camións destinaranse ás rutas de Pereiro, Xinzo de Limia, Muíños, A Peroxa, Trives e o Carballiño, mentres que o furgón servirá de apoio nas distintas tarefas dentro do servizo de recollida de lixo, como o traslado de contedores.

Coa adquisición destes novos vehículos, por importe de 994.983 euros, a Deputación de Ourense segue avanzando cara a unha xestión da flota máis sostible, con solucións de mobilidade máis eficientes e ecolóxicas, minimizando os custes e mellorando o medio ambiente por medio da redución das emisións de CO2 por ano.