“Con estes convenios desbloqueamos por fin un proxecto que se leva demandando sen éxito nos últimos 5 anos”, asegurou o alcalde.

O Concello dálle luz verde ao plan de transporte metropolitano

A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense aprobou o convenio de colaboración para o desenvolvemento do transporte metropolitano na área de Ourense. Complementariamente, aprobouse outro convenio centrado na colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia e a empresa Autobuses Urbanos de Ourense, S.L., como contratista do transporte urbano municipal, para a determinación das áreas de transporte metropolitano de Ourense. Ambos convenios terán vixencia ata o 31 de decembro de 2019.

“Con estes convenios desbloqueamos por fin o plan de transporte metropolitano de Ourense, un proxecto que se leva demandando sen éxito nos últimos 5 anos”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. “O Plan é, ante todo, un plan social, que facilita e abarata os desprazamentos do dia a día dos cidadáns. No caso de Ourense estamos de acordo oito concellos con diferentes cores políticos. Os sete concellos restantes -Amoeiro, Barbadás, Coles, Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén- xa aprobaran o texto do convenio, polo que se pretende darlle servizo a un radio de poboación de 137.250 potenciais usuarios dos que o 77,9% corresponden á cidade, con 107.000 habitantes».

“É un plan social porque permitirá bonificacións das tarifas ás familias que utilicen o autobús, cunha tarxeta única que convivirá coa tarxeta actual, de aí o segundo convenio que aprobamos hoxe”, explicaba o rexedor, “e poderán facer desprazamentos con descontos medios no billete no entorno do 40% e con transbordos gratuítos para todos os usuarios”. Así, se son usuarios recorrentes, -máis de 40 viaxes ao mes- terán un 15% de desconto adicional; mentres que se son familias numerosas, haberá descontos que irán do 20% ao 50%. Cada concello analizará e proporá segundo informes técnicos bonificacións adicionais. Os aforros medios calcúlanse en 600 euros anuais.

Coa nova medida social anunciada pola Xunta para que os menores de 18 anos teñan transporte interurbano metropolitano de balde, perséguese garantir un mellor futuro da mocidade galega promovendo o uso do transporte público e a accesibilidade ao mesmo, facéndoo cada vez mais competitivo fronte ao vehículo privado. Esta medida social prevese que chegue a 20.000 menores dos 8 concellos da área ourensá.

O plan de transporte metropolitano precisa dun investimento de 300.000 euros cada ano, dos que o 82% serán achegados pola Xunta de Galicia, cunha estimación de máis de 500.000 viaxes por ano a subvencionar. “A previsión é podelo poñer en marcha canto antes, en canto a Xunta estea en disposición técnica para executala, coas complexas adaptacións tecnolóxicas que así o permitan”, dixo.