O centro de día poderá abrir as súas portas este ano.

Conselleiro de Política Social e alcalde de Vilardevós manteñen un encontro

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continúa coa súa rolda de encontros cos representantes das institucións públicas de Galicia para coordinar a atención social dos cidadáns galegos. Nesta ocasión, mantivo un encontro de traballo co alcalde do municipio ourensán de Vilardevós, Manuel Cardoso.

Na xuntanza abordouse a situación do centro de día para 40 usuarios e residencia para outros 24 usuarios que a Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e cun investimento de máis de 1,4 millóns de euros entre proxecto e obra, está a construír neste momento. O conselleiro avanzou que as obras están executadas ao 80% e que o centro poderá abrir as súas portas este ano. Do mesmo xeito, Rey Varela comunicou aos responsables municipais que o novo Plan de Investimentos Extraordinario para 2016 contempla unha partida de 140.000 euros para o equipamento do centro.

Doutra banda, ambos mandatarios salientaron o incremento de 1.728 horas anuais no Servizo de Axuda no Fogar ata acadar unha ratio de atención do 84,12%.