Unha caravana de vehículos percorreu as rúas da cidade e os polígonos industriais facendo visible o malestar da organización sindical pola "represión empresarial" contra os representantes de CCOO.

CCOO manifestouse para rexeitar o despedimento de dous delegados sindicais

Con motivo do despido da delegada sindical de CCOO da empresa adxudicataria da xestión do matadoiro municipal e do delegado de CCOO do concesionario Espiga Cars, a Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense, baixo o lema «non aos despedimentos, non á represión sindical», manifestouse este martes cunha caravana de vehículos. Escoltados pola Policía Local, percorreron as rúas da cidade dende o Campus ata o Matadoiro e a Praza de Abastos, protestando con intensidade decibélica diante dos establecementos cárnicos de Milucho González, para dirixirse posteriormente ata o Polígono Barreiros, ante a empresa de automoción Espiga Cars, concesionaria oficial de Citroën.

Pablo Estevez, portavoz da Federación de Industria de CCOO lamenta que “un empresario adxudicatario dun servizo público como é o matadoiro municipal e, a máis, veterano membro dirixente de organizacións empresariais da cidade, ignore o diálogo e opte por formas de xestión e de relacións laborais propias doutras épocas” e ao respecto de Espiga Cars afirma que “non parece razoable a política laboral que practica co persoal e coa representación sindical cando ostenta a representación na cidade dunha firma de prestixio internacional no sector da automoción como é Citroën”.

O portavoz de CCOO prosigue dicindo que “seguimos abertos ao diálogo para resolver a situación dos despedimentos pero, en todo caso, de non reverter a situación e persistir a radicalización empresarial tomaremos boa nota e actuaremos en consecuencia”

Remata o sindicalista afirmando que “rexeita as decisións extremas e represoras adoptadas polas direccións desas dúas empresas cárnica e automovilística ourensanas» e lamenta que «non é de recibo esa represión empresarial tan brutal encamiñada a silenciar e cercenar, mediante o despido dos delegados, o libre exercicio da actividade sindical en defensa dos dereitos laborais das traballadoras e traballadores», advertindo que «a represión empresarial de empresarios como estes non nos vai calar, continuaremos coas mobilizacións o tempo que sexa preciso para esixirlle a readmisión dos dous delegados de CCOO despedidos