O Concello de Ourense non terá que achegar fondos a estas actuacións.

O Concello aproba o convenio marco de colaboración para desenvolver a estación intermodal

A Xunta de Goberno Local de Ourense aprobou este xoves, fóra da orde do día e polo trámite de urxencia, o convenio marco de colaboración entre o Goberno galego, o Concello de Ourense, o Ministerio de Fomento e a entidade pública empresarial Adif-Alta Velocidade, para o desenvolvemento da futura estación intermodal da cidade e o seu entorno urbano.

Os obxectivos fundamentais que se recollen neste documento son tres: promover o uso do transporte público e a mobilidade sostible coa execución dunha estación intermodal que permita combinar diferentes modos de transporte público de forma rápida e eficiente; mellorar a permeabilidade transversal da cidade no entorno e dotar á estación ferroviaria das instalacións necesarias para a chegada da alta velocidade no ano 2018.

Con este convenio, o Ministerio de Fomento deberá realizar e tramitar o Estudio Informativo da Estación Intermodal de Ourense, e ADIF-Alta Velocidade deberá redactar os proxectos, executar e financiar as obras de adaptación da estación ferroviaria aos servizos de alta velocidade e as actuacións de mellora da permeabilidade transversal peonil da cidade na zona.

Ademais, asume o compromiso de transmitir á Xunta, preferentemente, mediante expropiación, os terreos e edificacións da súa titularidade necesarios para a execución da nova estación de autobuses, poñer a disposición do Goberno galego os terreos necesarios para a execución do aparcadoiro subterráneo, financiar nun 33% a execución das obras deste aparcadoiro e estudar conxuntamente co Concello unha proposta de integración do ferrocarril na estación de Ourense que inclúa unha conexión viaria de comunicación e a cubrición das vías  na proximidade do viaduto da N-525.

Pola súa banda, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, asume o compromiso de redactar os proxectos, executar e financiar as obras da estación de autobuses integrada na estación intermodal e de redactar o proxecto; executar as obras e, cofinanciar nun 67% a reposición, en subterráneo, do aparcamento para turismos da estación. Ademais, de obter os solos necesarios para a nova estación de autobuses e indemnizar aos arrendatarios dos contratos que teña en vigor ADIF-Alta Velocidade no ámbito da estación de autobuses. O Goberno galego está xa a redactar o proxecto construtivo da terminal de autobuses.

O Concello de Ourense non terá que achegar fondos a estas actuacións, algo que non se deu noutras cidades.  O que si terá que facer é promover e tramitar, ata a súa aprobación definitiva, conxuntamente coa Xunta de Galicia e no ámbito das súas competencias, as modificacións necesarias no planeamento urbanístico; ceder á Xunta, de maneira gratuíta e libre de cargas e gravames, os terreos e aproveitamentos da súa titularidade necesarios para a execución da estación de autobuses; realizar as actuacións relativas á semaforización que sexan necesarias na rúa Eulogio Gómez Franqueira e facer a reorganización do transporte urbano que garanta a conectividade da estación intermodal coa cidade.