Naceu da fusión dos anteriores GDR Avinza, A Limia e O Vieiro Leboreiro.

O novo GDR Limia-Arnoia presentará a súa candidatura para xestionar os fondos LEADER nas comarcas de Allariz, A Limia e Celanova

De acordo co disposto por AGADER na resolución do 11 de febreiro 2016, pola cal se abre o proceso para a selección de estratexias de desenvolvemento local en todo Galicia, o GDR10 Limia – Arnoia ven de constituirse para presentar a súa candidatura.

Este GDR Limia- Arnoia é froito da fusión dos anteriores GDR: Avinza, A Limia  e O Vieiro Leboreiro, polo que integra a entidades públicas e privadas das comarcas de Allariz- Maceda, A Limia-Alta Limia e Terras de Celanova- Baixa Limia.

Nestes momentos estase no proceso de elaboración da  Estratexia de Desenvolvemento Local para fixar as prioridades de investimento dos fondos FEADER, a través do LEADER 2014/2020. Tal e como establece a normativa vixente, os fondos dispoñibles estarán entre os 3 e 5 millóns de euros.

O ámbito territorial de actuación correspóndese cos concellos seguintes:  Allariz, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Bola(A), Blancos (Os),Calvos de Randín, Celanova,Entrimo, Lobeira, Lobios,Maceda, Muíños, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, Trasmiras,Verea, Vilar de Barrio,Vilar de Santos, Xinzo da Limia e Xunqueira de Ambía.

Dende este novo GDR Limia-Arnoia fan un chamamento á participación de todos os actores sociais (cooperativas, sindicatos, asociacións de toda índole, concellos e comunidades de montes veciñais) a que “participen activamente no deseño da citada estratexia, achegando propostas de actuación, tanto para proxectos produtivos como non produtivos”, co obxectivo de converter este novo LEADER 2014/2020 «nunha oportunidade para a mellora da capacidade económica destas comarcas, así como para o complemento de servizos no medio rural”.

Todas aquelas persoas ou colectivos interesados en facer as súas achegas poderán facelo nas distintas xuntanzas que se van celebrar por todo o territorio na primeira quincena de xuño; ou ven poñéndose en contacto coas unidades xestoras das anteriores entidades (Avinza, A Limia  e O Vieiro Leboreiro).