Manuel Baltar foi nomeado novamente membro da Comisión Permanente da Fundación Democracia e Goberno Local.

Ourense, entre os sete gobernos provinciais que integran o cumio máis importante do municipalismo español

A Deputación de Ourense sitúase entre os sete gobernos provinciais que integran o cumio do “think tank” máis importante do municipalismo español: a Fundación Democracia e Goberno Local. Así foi ratificado novamente o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen volveu ser elixido para integrar a Comisión Permanente da Fundación Democracia e Goberno Local, órgano formado por 7 dos 23 gobernos provinciais que conforman a organización máis importante do Estado en materia de estudo, asesoramento e coordinación entre os gobernos locais intermedios.

Este importante órgano de xestión ten como obxectivo desenvolver accións e iniciativas para o estudo, divulgación e asesoramento sobre o goberno local, sendo a fundación un organismo que serve de punto de encontro para concellos, cabildos e deputacións coa finalidade de coordinar estratexias de cooperación entre as administracións.

Na reunión, celebrada na sede da fundación en Madrid coa participación de Manuel Baltar, analizáronse aspectos relacionados coa organización, a xestión e a prestación de servizos dos entes provinciais e as novas canles de colaboración cos municipios, para seguir mellorando a eficiencia e a operatividade dos servizos que se lles prestan aos cidadáns, sinaladamente nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Unha mellora dos servizos que, en opinión de Baltar, pasa en grande medida por “acelerar a implantación das plataformas electrónicas de xestión nas administracións locais, para que os cidadáns poidan realizar cada vez con maior facilidade, sinxeleza e inmediatez todo tipo de trámites utilizando a Rede, para irmos achegando paso a paso a “ventanilla única”, aberta 24 horas, para aumentar así a interacción entre administración e cidadán”.