A precariedade laboral na provincia segue aumentando e, en relación ao ano anterior, pérdense 213 afiliados á Seguridade Social.

CCOO considera que a diminución do paro é “mínima”

En maio en Ourense, segundo informa CCOO, diminuíu o paro rexistrado pero con emprego precario e de tempada, resultando que o 91% dos contratos subscritos foron temporais.

CCOO considera que a redución do desemprego no mes de maio en Ourense ben dada pola estacionalidade da economía, que nesta época do ano inicia un ciclo de aumento do emprego en actividades de tempada vinculadas sobre todo ao turismo, hostalería e o comercio, de feito é no sector onde máis descende con 409 persoas desempregadas menos.

Ana I. Barrios, Secretaria Xeral de CCOO de Ourense advirte que, “os datos do desemprego de maio en Ourense aínda que descende en 714 persoas, implican que na realidade segue aumentando a precariedade. Os datos publicados son determinantes e a contratación segue a ser maiormente temporal: dos 5.286 contratos subscritos, 4.732 son temporais (91%) e 554 indefinidos. Se comparamos os datos cos do mes de abril, a precariedade aumenta dous puntos porcentuais, pasando dun 89% a un 91%.”

A portavoz do sindicato sinala que “os datos indican un perigoso camiño de desigualdade e así resulta que o 54% das persoas sen emprego son mulleres. Precisamente, á hora de contratar neste sector de baixo valor engadido e moi feminizado, son as mulleres as que están a sufrir a maior precariedade, rotación, desprotección e temporalidade, situación non desexada por elas pero que as azouta con virulencia e na que soportan salarios baixos e xornadas parciais que convértense en xornadas completas sen compensación económica. Situación para CCOO que, de non mudarse, aboca ás mulleres ourensáns á exclusión social e á pobreza”

CCOO alerta tamén dun dato máis que preocupante dentro da situación negativa xeral de evolución do emprego e desemprego, a pobreza laboral. “Hoxe ter traballo xa non é sinónimo de benestar. A deterioración salarial é directamente proporcional á pobreza salarial e na nosa provincia temos todos os factores que propician esta pobreza salarial: xornadas parciais e temporais que supón salarios máis baixos, sobre todo no sector servizos, ser muller, porque triplican aos homes no tramo de salarios máis baixos, empresas pequenas, onde os salarios son tamén máis baixos e sectores como o servizos, con baixo valor engadido”, explican dende CCOO.