A localidade honra a San Bernabé ata o domingo 12 de xuño.

Como cada ano as festas da Valenzá, na honra de San Bernabé, presentan un completo cartel de actuacións musicais con recoñecidas orquestras.

Os festexos botaron a andar o xoves 9 de xuño, á medianoite, da man de El Combo Dominicano.  O venres 10, ás 23 horas haberá Discomóvil e ás 23:30 terá lugar unha master class para nenos e adultos a cargo do Ximnasio Golfiños. Xa ás 12 da noite será a esperada actuación da orquestra Panorama.

O sábado ás 9 da mañá disputarase o III Torneo Alevín de fútbol; ás 11:30 haberá globoflexia, pintacaras e xogos para os máis pequenos e ás 18 horas actividades en familia. Ás 19 haberá pasarrúas a cargo da charanga da Escola de Música de Barbadás; ás 23 horas haberá Discomóvil e á medianoite chegará a gran orquestra París de Noia.

Xa o domingo 12 de xuño, ás 11:30 terá lugar un taller de maquillaxe e pintura de uñas; ás 12, misa solemne e procesión; de 18 a 20 horas, manualidades; de seguido, concerto da Banda de Música Municipal; e pechará a festa ata o próximo ano o Baile da Pataca (a partir das 20:40) con espectáculo da queimada.

Por último, o luns 13 os nenos serán os reis nas atraccións das festas.

Mercado medieval

Unha edición máis, as festas da Valenzá repiten mercado medieval, que se inaugura na tarde do venres ás 18 horas e que abrirá tamén sábado e domingo en horario de 11 a 14:30 e de 17:30 a 22:30 h. Os postos instalaranse na avenida de Celanova. Haberá stands de artesanía, ludoteca infantil, música e teatro de rúa e un carrusel ecolóxico.