A concelleira de Comercio lembra que nestes meses se ordearon os veladores do parque de San Lázaro, da praza de Paz Nóvoa, da praza de San Antonio e do casco histórico.

Morenza: “É curioso que pida a miña dimisión a anterior edil por non ter a ordenanza de veladores, cando o anterior goberno tivo oito anos para facela e non o fixo»

A concelleira de Comercio, Ana Morenza, rexeita a petición de dimisión que lle solicita o Grupo Municipal do PSOE, logo de que no actual goberno municipal “levemos un ano refacendo o que estaba mal feito”. “É curioso que pidan a miña dimisión por non ter a ordenanza de veladores cando o anterior goberno, que tivo moito máis tempo para facela, non a aprobase. Tamén é curioso que o PSOE sexa o único grupo municipal que está a boicotear o proxecto, xa que sin chegar a ler o borrador da ordenanza presentou unha enmenda á totalidade, de xeito extemporáneo (pois non estaba no momento procesal administrativo oportuno)”.

A concelleira popular lembra que nestes meses púxose orde nos veladores do parque de San Lázaro, da praza de Paz Nóvoa, da praza de San Antonio e do propio casco histórico.

Ana Morenza sinala que “parece mentira que unha ex concelleira delegada da área de Comercio diga que sen inspector de Comercio non se pode vixiar os veladores e que manifeste que a Policía Local non pode facelo. Lémbrolle á señora Juana Ageitos que o inspector de Comercio só ten horario de mañá, de luns a venres, e que grazas á Policía Local se pode facer seguimento dos veladores a calquer hora e calquer día da semana”.

A concelleira Ana Morenza sospeita que o problema real sexa que o inspector de Comercio sexa un familiar de alguén a quen os membros do PSOE tiñan afecto, con vínculos familiares tamén dentro do propio grupo municipal socialista, “e seguramente de aí ven tanto dramatismo”, recalca Morenza, quen deixa claro que “en ningún caso a falta de inspector implicará a falta de control sobre os veladores”.

Con respecto ao prego dos Mupis, aos que tamén fai referencia o PSOE, Ana Morenza sinala que a súa contratación está actualmente en marcha, algo que non sucedeu nos últimos oito anos, nos que se mantivo este contrato en precario.

Por último, no tocante á Praza de Abastos da Ponte, ana Morenza sinala que se está a buscar unha solución logo que quedara deserto o proceso de licitación. “Eu asumín o problema e estou buscando a solución. Pero os membros do PSOE non deberían atreverse a dicir nada, cando eles non foron capaces de sacar adiante un prego de cláusulas a pesar de que dicían dende había dous anos que xa o tiñan”.