O portavoz de Educación do PP no Parlamento galego, Hipólito Fariñas, salientou que “o tema está resolto atendendo as peticións e requirimentos da comunidade escolar”

O portavoz de Educación do Grupo Popular, Hipólito Fariñas, informou no Parlamento galego que o instituto de Vilamarín en Ourense contará cun novo director, logo de que a Comisión de Renovación decidira non renovar ao actual e abrir o proceso de selección dun novo director.

“Punto final. Haberá un novo director. O tema está resolto atendendo as peticións e os requirimentos da comunidade escolar”, sinalou Fariñas.

Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que “a Xunta nin cesa nin nomea aos directores, senón que acata o que decide a Inspección Educativa e a Comisión de Renovación”.

Porén, criticou “o interese político-partidista dalgunhas formacións que lles vale todo, chegando neste caso a arremeter contra a integridade, a honestidade e a independencia do corpo de inspectores de educación”. “Para o Partido Popular, a independencia dos inspectores e a súa capacidade está fóra de dúbida”, engadiu.