Dende o luns 27 de xuño ata o xoves 14 de xullo, Amencer, pon en marcha a undécima edición da actividade denominada ”Mañás de verán”, que ten como destinatarios preto de 400 rapaces dende os 3 ate os 14 anos de idade, e que durará tres semanas.

Este proxecto xorde como resposta ante a necesidade de conciliación da vida laboral e familiar, de que os rapaces e rapazas destas idades tiveran unha oportunidade de ocupar o seu tempo libre dunha maneira lúdica e educativa, agora que remataron as clases e dispoñen de máis tempo libre pola mañá; ademais de empregar  os recursos en canto a infraestruturas que o propio colexio salesiano pode ofrecer máis aló das aulas durante o curso.

Este proxecto desenvolverase durante a última semana do mes de xuño e primeira quincena do mes de xullo, de luns a venres, en horario de mañá, de 10:00 a 13:30 horas, e o lugar onde se desenvolverán as actividades será nas instalacións do colexio salesiano María Auxiliadora de Ourense.

Como en anos anteriores dispoñen de servizo de gardería de 9:00 a 10:00 horas e servizo de gardería-comedor de 13:30 a 15:00 horas.

Os obxectivos que se marca Amencer con este proxecto son educar en valores a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar a participación e o traballo en equipo, e poder seguir empregando as instalacións do colexio fóra do horario escolar.

O tipo de actividades que se levarán a cabo durante estes días serán entre outras, obradoiros, xogos de mesa, actividades de animación á lectura, xincana de auga, deportes, xogos musicais, comida divertida, ademais de que os rapaces poderán gozar dun día de baño á semana na piscina de Oira, e unha saída ao parque Miño para os máis pequenos e para os maiores en diferentes días.

A resposta por parte das familias ante esta proposta foi moi boa, xa que é o undécimo ano que se realizan as «Mañás de verán». O número de participantes nesta actividade será de 396 rapaces e rapazas.

Para levar a cabo esta actividade a asociación xuvenil conta cun equipo de 46 animadores e animadoras, voluntarios, que levan todo o mes de xuño preparando con moita ilusión esta nova experiencia educativa no tempo libre pola que aposta a nosa asociación.