Celebrarase o vindeiro 11 de xullo ás 21.00 horas e será presentada por Xosé Manuel Piñeiro e Tamara Pérez.

“Ourense con Ecuador”, gala benéfica no Teatro Principal

A gala benéfica “Ourense con Ecuador” organizada polo Bispado de Ourense, a Deputación de Ourense e un medio de comunicación local, celebrarase o vindeiro 11 de xullo, ás 21.00 horas no Teatro Principal. A gala será presentada por Xosé Manuel Piñeiro e Tamara Pérez, e o prezo da entrada será de 6 euros.

Na presentación desta iniciativa, Manuel Baltar explicou que “naceu como consecuencia da situación que pasaron nese país, que merece que Ourense responda dun xeito solidario e atenda ese chamamento”.

O presidente da Deputación de Ourense dixo que están actuando “coordinadamente» para que este chamamento»se materialice nun éxito nesta convocatoria que ten un carácter marcademente musical para entreter, pero o que se busca é que Ourense responda e o faga coa axuda económica que é como se concretan eses proxectos que ten na súa mente o ourensán, Manolo Rodicio, que actúa como capitalizador de todo este movemento emocional e social».

Xosé Manuel Piñeiro explicou que a súa presenza neste acto é “obrigada por varios motivos, ademais de estremecerme coas imaxes e coas noticias que chegaban de Ecuador, o meu pensamento foi para Manolo Rodicio, misioneiro ourensán, co que me une unha amizade persoal desde a infancia”. En canto á gala dixo que será “un espectáculo eminentemente ourensán” na que participarán: a Real Banda de Gaitas, Emilio Rúa, María do Ceo, Coral de Ruada, Priscila, Lucía Pérez, Vizcaino, Pepe Capelán, Daniel Minimalia, Alejandro Abad e o coro Colexio Padre Feijoo, cunha duración de hora e media. “Hai unha fila cero e trátase de recadar diñeiro para que Manolo Rodicio o leve para usalo no que máis precisen”, engadiu Xosé Manuel Piñeiro.

O bispo de Ourense asegurou que “cando tiveron lugar os terremotos en Jipijapa, onde temos as dúas parroquias levadas por dous sacerdotes da nosa misión, evidentemente puxémonos a traballar pero atopámonos cunha realidade moi complexa, a magnitude do acontecemento superaba os nosos esforzos”, por iso quixemos “levar a cabo unha campaña en favor de Ecuador que perdurase no tempo, e este proxecto non pode rematar coa gala”. Leonardo Lemos destacou que “xuntos podemos conseguir máis cousas, comezamos agora e imos por bo camiño así que, non deixedes que o proxecto “Ourense con Ecuador” se esqueza” para iso “a conta para colaborar coa causa xa está aberta”. Para quen non poida acudir e queira contribuír coa fila 0, a conta é a ES49 2080 5251 4730 0133 0272.  É a mesma conta na que o bispado centralizou todas as axudas desde o momento do tremor.