Os vascos Duncan Dhu abrirán os concertos de pago no Posío, este xoves ás 23 h.

Duncan Dhu, broche musical para a xornada de apertura da Feira Medieval

Unha noite de rock en clave feminina e un reencontro coa nostalxia pop de Duncan Dhu poranlle o broche musical a unha intensa xornada das Festas de Ourense marcada pola apertura da Feira Histórica medieval, unha das citas máis esperadas polos ourensáns, e por un concerto de homenaxe a David Bowie.

O grupo vasco Duncan Dhu abrirá os concertos programados polo Concello de Ourense na explanada do Xardín do Posío. Mikel Erentxun e Diego Vasallo farán un repaso pola discografía da que fora unha das grandes referencias musicais españolas a finais dos 80 e nos anos 90. Será a partir das 23  horas, aínda que as portas de entrada abriranse dende as 21 horas. O prezo da entrada na billeteira será de 7 euros.

Un pouco antes, ás 22 horas, as mulleres tomarán o escenario da Praza Maior para reivindicar un rock en clave feminina. Abrirán fogo The Tetas’ Van, unha agrupación composta por cinco mulleres e un home que son especialistas en facer versións de temas clásicos, pero levando as letras ao galego e ao terreo da reivindicacións.

Tralo seu paso polo escenario será a quenda de María Xosé Silvar, Sés, un dos nomes que se está a facer un oco na nova escena musical galega e que vén presentar o seu terceiro álbum “Tronzar os valos”. Trátase dunha obra que xorde da enerxía do rock&roll e da intensidade das letras da canción de autor en América Latina e que ofrece doce temas cheos de reivindicación e de loita.

Música nas rúas

O xoves, as rúas de Ourense vivirán unha intensa xornada musical, que comezará ás 20 horas, na Praza de San Martiño coa actuación do grupo vigués de funk Transilvanians. Os vigueses achegarán a súa particular “batidora de sons”, que aglutina a súa paixón pola música negra dos anos sesenta, a do western, a ciencia ficción ou o xénero de terror da serie B.

A Praza do Ferro acollerá, as 21,00 horas, unha cita con “The Spiders from Mars”, agrupación de músicos ourensáns que renderán unha homenaxe ao recentemente desaparecido David Bowie versionando algúns dos seus temas máis coñecidos.

Teatro de rúa e mercado medieval

Tamén haberá un espazo para o encontro co teatro de rúa. Nesta ocasión os responsables serán os membros da compañía de teatro Pistacatro, que presentará a súa nova obra “Cigani & Cia”, unha visión burlesca do teatro zíngaro. A cita será ás 12 e as 20 horas na Alameda do Bispo Cesáreo.

O xoves tamén é o día da inauguración da Feira Histórica, o mercado medieval, de mans da compañía “A Fragua de Vulcano”. O casco vello acollerá máis de 80 postos de venda de produtos tan diferentes coma: inciensos, xabróns naturais, peletería, pratería, cerámica, macramé, velas artesanais ou alimentos.

Os postos do mercado medieval estarán distribuídos en distintos puntos do casco histórico: na rúa Padilla, na Rúa Bailén, na rúa da Barreira, e nas prazas de A Trinidade, Saco Arce, Manuel Sueiro, da Imprenta e Ferreira. Ademais dos puntos de venda haberá oferta gastronómica de kebabs, crepes, pizzería, patacas asadas, polbo, grellada e embutidos.

Tamén están previstas actuacións a cargo de diferentes grupos de música, teatro, contacontos e espectáculos nocturnos; así como a visita de personaxes medievais, guerreiros, feiticeiros e monicreques para delicia dos nenos.