A achega máis importante ascende a 461.000 euros, que foron concedidos á Fundación San Rosendo para a construción dunha residencia para a terceira idade en Lobeira.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou axudas por importe total de 474.827 euros destinadas aos ámbitos de benestar, patrimonio e medio ambiente da provincia de Ourense.

En concreto, a Xunta de Goberno aprobou tres axudas, unha delas á Fundación San Rosendo destinada á construción da residencia para a terceira idade en Lobeira por 461.000 euros. A outra axuda foi concedida á Diocese de Ourense para o arranxo da cuberta da igrexa parroquial de San Mamede de Sorga no termo municipal da Bola, por importe de 3.600 euros. Para o Concello de Bande aprobou unha axuda de 10.227 euros para a instalación de radiadores para unha caldeira de biomasa no segundo andar da Casa do Concello.

Por último, a Xunta de Goberno acordou aceptar a modificación na memoria valorada presentada polo Concello de Porqueira para a reforma da levada do regadío na Forxa.