O ingreso efectivo da provincia na asociación producirase na asemblea xeral, que terá lugar na cidade italiana de Salsomaggiore Terme entre os días 19 e 21 de outubro.

A provincia de Ourense será membro da Asociación europea de cidades históricas termais (EHTTA). Así o ditaminou o comité executivo de dito organismo na reunión que celebrou en París, na que participou Mario Crecente, redactor do plan “Ourense, a provincia termal”, xuntanza na que se deu conta da aprobación da candidatura ourensá como membro asociado da EHTTA. O ingreso efectivo da provincia na asociación producirase na asemblea xeral, que terá lugar na cidade italiana de Salsomaggiore Terme entre os días 19 e 21 de outubro.

Ante esta destacada nova termal, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que este nomeamento “é un paso importante na senda de potenciar a “marca Ourense”, como vimos facendo desde o goberno provincial nos ámbitos do turismo, o termalismo, a economía, o deporte e a cultura, cunha visión integral de provincia, na que destaca tamén que somos a capital da eurorrexion Galicia-Norte de Portugal”. Asemade, o presidente lembra que a Deputación de Ourense forma parte de Partenalia, a asociación europea de gobernos locais intermedios, organismo do que Manuel Baltar é vicepresidente.

Ourense, entre os principais territorios termais de Europa

A adhesión a Asociación europea de cidades históricas termais enmárcase dentro das actuacións contempladas no plan “Ourense, a provincia termal”, desenvolvendo unha das medidas concretas como é a participación en redes e establecemento de alianzas. Deste xeito, a provincia de Ourense entra a formar parte dunha rede na que xa están presentes 44 membros de 13 países.