Acorda inadmitir “por extemporáneo” o recurso interposto por Miguel González Uclés, presidente da Xunta Directiva da Plataforma de Bombeiros Públicos de Ourense.

O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais vén de dar a razón ao Consorcio Provincial de Ourense do Servizo contra incendios e de Salvamento –integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense-, ao non admitir a trámite “por extemporáneo” o recurso presentado por Miguel González Uclés, presidente da Xunta Directiva da Plataforma de Bombeiros Públicos de Ourense. O órgano administrativo, acollendo a tese exposta polo Consorcio, inadmite os argumentos da Plataforma de Bombeiros contra os pregos para a contratación do “Servizo de intervención en emerxencias” do dito Consorcio, reclamación que apoiaban grupos da oposición na Deputación de Ourense e que agora queda sen efecto ao ser considerado extemporáneo o recurso.

O ditame do Tribunal Administrativo relata que o Consorcio Provincial de Ourense convocou –mediante publicación no DOUE o 14 de maio de 2016- licitación para adxudicar por procedemento aberto o contrato do servizo de intervención en emerxencias, expediente que actualmente aínda se atopa en fase de licitación. Fronte a isto, a Plataforma de Bombeiros públicos de Galicia impugnou os pregos, recurso que o órgano de contratación considerou “extemporáneo” e que, en todo caso, “a lexitimación da Plataforma debe circunscribirse á impugnación daqueles aspectos do prego que poidan afectar aos dereitos ou intereses colectivos propios da asociación, pero non a aqueloutros por completo alleos ao seu interese”.

Asemade, a resolución destaca que, segundo argumenta o Consorcio sobre as alegacións da Plataforma de Bombeiros, “non hai razón algunha desde o punto de vista obxectivo da xestión dos parques para dividir a prestación en contratos diferentes; existen sólidas razóns obxectivas que aconsellan a súa agrupación nun único contrato, un feito congruente coa propia constitución do Consorcio Provincial”.

O Tribunal Administrativo argumenta o feito extemporáneo do recurso afirmando que o prazo de quince días para a presentación do mesmo “finalizara o 2 de xuño de 2016”.

O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, valora a resolución afirmando que a Deputación de Ourense “é unha institución seria, que non da lugar improvisacións e fai unha xestión seria dos recursos públicos, para beneficio de toda a cidadanía”, e engade: “Uns estamos a favor da Deputación e defendemos os intereses da provincia, eses nos que algúns nunca pensan, agás para atacalos, por estaren sempre en contra”.