Por sétimo ano consecutivo, a proposta de Escua de música, cinema, roteiros, obradoiros e performances reivindicativas manterán activa a cidade durante o verán.

O veranEarte estrea baile á beira do Miño co “Ventebañar”

Cun obradoiro express de baile e un concerto na Alameda daba comezo este xoves a programación veranEarte que 18 colectivos culturais e sociais da cidade, englobados en Escua, propoñen para pasar o verán na cidade.

Por sétimo ano, Escua, o Espazo Cultural Asociativo de Ourense, pon en marcha este programa de eventos culturais e de ocio para os meses de xullo e agosto, co acento posto nun lecer reivindicativo feminista e ecoloxista, no que se inclúe unha trintena de actividades.

Entre as novidades deste verán, a oportunidade de refrescarnos e bailar á beira do río Miño co “Ventebañar”, a versión estival dos coñecidos “Venrespirar”. Será o mércores 13 de xuño ao carón da Aula de Natureza de Oira. Tamén son novas as Xornadas pola libertade do 4 de agosto, que se realizarán na Galleira, El Pueblo Café Cultural e a praza Pena Vixía.

Non faltará a cita clásica coa que Escua despide o verán, o FIB (Festival Intercultural do Barbaña), o festival “máis cómico e irreverente”, previsto para o 1 de setembro na praza de San Marcial. O FIB ofrecerá un ano máis unha selección de versión interpretadas en diretos nas que se dará conta da realidade política e social local en clave de cantiga de escarnio.

Entre mentres, haberá moita música: o concerto de O Sonoro Maxín o 12 de xullo, Cantos de Taberna o 14 de xullo, concerto de O Leo i Arremecághona! o 26 de xullo, El Gueto con Botas o 2 de agosto,  as Cantigas que espantan o 10 de agosto, a actuación de Three Dogs o 16 de agosto, os Ulträqäns o 23 de agosto e Bergallao o 30 de agosto).

E tamén roteiros (o 19 de xullo “Xentrificación non é un programa de lavadora” desde a praza de San Cosme e o 18 de agosto “A horta da terra” desde o Polvorín); a celebración da Festa da Patria o venres 22 de xullo e do Día da Galiza Mártir o 17 de agosto, dúas performances (o 27 de xullo e o 9 de agosto), dúas bicicletadas (o 28 de xullo e o 25 de agosto, con saída da Subdelegación do Goberno ás 20.30h); e proxeccións de cine (os días 1, 8, 22 e 29 de agosto, ás 22 h na praza de San Marcial). Unha conferencia sobre “A bicicleta, outro xeito de viaxar” e a exposición “Belauriarte” completan a oferta.