O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, defendeu a inclusión da reapertura dos balnearios de Monterrei como parte fundamental dos plans turísticos ourensáns.

Feijóo e Baltar avalan o relanzamento de Verín como destino para o auguismo

A reapertura dos balnearios de Verín como eixo fundamental do relanzamento do termalismo ourensán recibiu o respaldo e o impulso fundamental dos presidentes da Xunta e da Deputación de Ourense, Alberto Núñez Feijóo e José Manuel Baltar, no transcurso do encontro de vilas termais deenvolvido este luns en Lobios. Nela, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, presentoulles a ambos o pack do auguista, deseñado especialmente para o desfrute das propiedades das augas dos mananciais da Eurocidade Chaves-Verín, financiadora do proxecto.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, acudiu ao encontro de Lobios co  obxectivo fundamental de reivindicar a inclusión da reapertura dos balnearios da comarca de Monterrei nos plans e deseños do relanzamento termal ourensán. Durante a xuntanza, na súa intervención ante os presidentes da Xunta e da Deputación, o rexedor verinés pediu o respaldo estratéxico de todas as administracións para o retorno do auguismo á súa vila.

Seoane lembrou como os establecementos balnearios de Verín articularon a creación de riqueza durante dos dous primeiros terzos do século XX en esta comarca, tanto no sector terapéutico como no industrial, convertendo á comarca de Monterrei nun referente das augas minerais en toda España.

“O goberno municipal e a Eurocidade cren no potencial duns mananciais que supoñen a referencia de marca, aínda hoxe en día, das augas de calidade en España, e por iso”, afirmou o alcalde de Verín, “esiximos unha aposta decidida por relanzar o auguismo, para o que comezaremos inmediatamente por a reapertura dos balnearios tradicionais”.

Neste sentido, o alcalde entregou a Feijóo e a Baltar o pack do auguista que, en colaboración coa eurocidade, vai ser entregado aos turistas que veñan a coñecer Fontenova, Cabreiroá ou Sousas.