Unha ducia de colectivos confirmaron a súa asistencia á reunión convocada este mércores por Partido Socialista e Ourense en Común.

O Goberno municipal de Ourense emitiu un comunicado este martes no que cuestiona a lexitimidade de Partido Socialista e Ourense en Común para convocar a Mesa de Mobilidade, como así fixeron. Á reunión fixada para este mércores ás 10:30 horas no Centro Cívico da rúa Colón está previsto que acudan -ademais dos dous partidos convocantes- unha ducia de colectivos, como Masa Crítica Ourense, Discafis COGAMI, Sindicato Profesional de Policías Municipais, Federacións veciñais Limiar e Miño, Amigos da Terra, Mobiliza, Asociación Auto Taxi Ourense, Sindicato CCOO, e Asociación de Mascotas APMOU.

O grupo do goberno recorda que «a Mesa de Mobilidade é un órgano consultivo que debe ser convocado polo Goberno Municipal, dada a súa función executiva», e tacha a decisión de PSOE e OUeC de «utilización partidista e política da Mesa de Mobilidade» que pode «provocar o seu fracaso como órgano consultivo e de traballo, fin para o que foi constituida».

Recordan desde o Goberno popular que a posta en marcha deste ente foi froito «da vontade do Goberno Municipal, logo de consensuala con todos os grupos da oposición» en novembro pasado. Desde aquela convocouse ata en catro ocasións -a última o 28 de marzo-, «sesións todas elas nas que se traballou con harmonía entre todos os participantes, poñendo sobre a mesa temas de importancia para a cidade, como é o caso das propostas para o transporte público, sobre as que se está a traballar para a súa inclusión no novo prego deste servizo».

Tamén sinala o grupo de goberno que a Mesa de Mobilidade levou consigo a convocatoria doutro equipo de traballo máis reducido sobre a introducción da bicicleta cun plan de pacificación do tráfico, que realizou dúas reunións no mes de maio.

Por estes motivos, desde o PP consideran que a Mesa de Mobilidade está constituida «e funcionando correctamente»,  e que «debido á cantidade de temas e a duración das reunións, o Goberno municipal é consciente de que non se debe monopolizar a axenda nin o tempo dos membros, co fin de avanzar en operatividade».