Na provincia de Ourense terán lugarcampos de traballo na capital, en Vilamarín, en Muíños e en Celanova.

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta este ano na provincia de Ourense un total de 980 prazas para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen nas actividades da campaña de verán do departamento autonómico. Así o destacou a directora xeral, Cecilia Vázquez, durante a súa visita este mércores ao Campo de traballo de Vilamarín.

Dende o 12 de xullo e ata o día 24, un total de 20 rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos procedentes de Galicia, do resto de España e doutros países, participan no campo de traballo. Os voluntarios e voluntarias realizan actividades medioambientais de recuperación de camiños e espazos naturais do concello para a realización de andainas, rutas e sendeirismo e de sinalización das rutas do río Barbantiño, dos Fornos, dos Castros e da Martiñá.

Os participantes tamén contan con actividades complementarias como obradoiros de abelorios, de cestería, accións de igualdade de xénero e de psicomotricidade, competicións deportivas, xogos tradicionais e visitas, rutas lúdicas e culturais ao entorno de Vilamarín.

Ademais de en Vilamarín, na provincia de Ourense tamén terán lugar campos de traballo na capital, en Muíños e en Celanova. En canto aos campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, teñen lugar no complexo O Corgo en Muíños; no centro de educación ambiental Equal en Coles; na estación de montaña de Manzaneda; e no Campamento xuvenil Penedos de Xacinto de Entrimo.

No total galego, en toda a Campaña de verán tomarán parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.