Trátase dun programa polo que formadores das distintas comunidades galegas do mundo melloran a súa capacitación, mercé ao cal a cultura galega espállase entre as segundas xeracións da diáspora.

Milleiros de galegos da diáspora benefícianse da formación de “Escolas abertas”

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, a delegada da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, e o xefe do Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social, Antonio González Amaro, inauguraron no I.E.S. Universidade Laboral de Ourense a edición de 2016 do programa ‘Escolas Abertas’, destinado ás comunidades galegas, e ás persoas galegas e residentes fóra da Galicia territorial.

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de individuos que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos.

Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa en torno a 800 persoas, pero cada unha delas transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases.

Primeira vez en Ourense

O programa desenvólvese de maneira rotatoria en distintas instalacións de Galicia, sendo a primeira vez que se leva a cabo no I.E.S. Universidade Laboral de Ourense, mercé ao apoio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que cede as instalacións.

Cómpre salientar que esta ‘formación de formadores’ permite que se fortalezan e redobren os vencellos con Galicia das segundas xeracións (cidadáns galegos xa nados no Exterior), que arestora conforman xa máis do setenta por cento da diáspora, e que supoñen un activo e unha avantaxe comparativa de primeira orde na expansión internacional de Galicia.

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2015 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.