Os 20 mozos participantes están a gravar unha curta baseada no poema “As cartas” de Curros Enríquez.

A Xunta organiza en Celanova un campo de traballo adicado ao audiovisual

Os 20 mozos e mozas que están a participar no campo de traballo cultura que se está a celebrar en Celanova do 15 ao 26 de xullo adquirirán os coñecementos básicos para poder levar a cabo un audiovisual. Os voluntarios que toman parte nesta iniciativa dedicada ao audiovisual galego proveñen de Galicia, doutras comunidades autónomas, e de Italia, Rusia e Turquía.

A delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou este venres o campo e coñeceu de primeira man as actividades que se están a desenvolver no mesmo. Os participantes nesta iniciativa están a gravar unha curtametraxe baseado no poema de Curros  Enríquez titulado “As cartas”. O obxectivo é dar a coñecer aos mozos os diversos aspectos formativos do audiovisual: dende a redacción do guión ata, mesmo, os principios de interpretación, pasando loxicamente pola produción, a posprodución ou a rodaxe dunha curta, dun documental, dun anuncio publicitario ou dun espazo de animación por stop-motion.

Un total de catro concellos da provincia de Ourense –Celanova, Muíños, A Peroxa e Vilamarín- contan este verán con campos de traballo organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e que ofertan 85 prazas destinadas aos mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.

Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos campos de traballo. Destas prazas, 120 son para campos noutras comunidades autónomas, 250 para campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo.