Ademais, pedirán reservar 10.000 euros anuais para adaptar a flota de taxis á normativa europea para persoas con mobilidade reducida.

Ourense en Común rexistraba este venres unha moción para o pleno ordinario de agosto, no que solicitará que sexa implantado o sistema de Bono Taxi e se reserven partidas orzamentarias para adaptar a flota de taxis de Ourense a persoas con mobilidade reducida, en cumprimento da normativa europea.

A moción recolle as demandas do propio gremio de taxistas, co que Ourense en Común mantivo unha xuntanza a principios deste mes de xullo, recibindo a representantes da Asociación Provincial de Auto Taxi e Auto Turismo.

Ourense, que conta cunha flota de 106 taxis, debería alcanzar en 2017 a cota dun 5% de vehículos adaptados para facilitar a autonomía de persoas con mobilidade reducida, en cumprimento do Libro Branco do Taxi e do Real Decreto 1544/2007. Deste xeito, a flota debería dispoñer dun mínimo de 5 dos denominados Eurotaxis no próximo ano, 3 máis dos que existen na actualidade, xa que só 2 vehículos están adaptados.

Esta obriga, que a propia Asociación Provincial de Auto Taxi e Auto Turismo de Ourense considera de difícil consecución sen axuda, debería de contar coa complicidade do Concello,  aportando as medidas necesarias para que o servizo este debidamente cuberto para atender as necesidades da poboación.

Con este fin, Ourense en Común solicitará no pleno que o goberno reserve unha partida orzamentaria dun mínimo de 10.000 euros ao ano, para subvencionar a compra e adaptación de vehículos ao modelo Eurotaxi, e para axudar a sufragar os gastos engadidos de mantemento que xeran estes vehículos especiais: maior consumo, reparacións nos sistemas de accesibilidade, seguros, etc.

Na moción, Ourense en Común propón tamén un sistema de pagamento alternativo como o denominado Bono Taxi, un sistema xa vixente noutras cidades galegas que permite garantir o dereito social á liberdade de desprazamentos das persoas con mobilidade reducida, diversidade funcional ou dependencia severa que precisen de transporte para actividades tan cotiás como iren a fisioterapia, faceren xestións administrativas e bancarias, acudiren a centros médico – hospitalarios ou a centros de formación, de lecer e de traballo.