As obras contarán cun investimento de 60.000 euros.

Concello e Xunta dotarán de iluminación á pasarela de Oira

O Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, dotarán de iluminación á pasarela peonil de Oira. A Xunta de Goberno Local aprobou o convenio de colaboración que fará posible a execución destas obras, que suporán un investimento de 59.915,22 euros por parte da Xunta de Galicia.

A pasarela, que comunica as dúas marxes do rio Miño e dá continuidade ao paseo peonil existente nambas ribeiras, está en servizo desde xullo de 2011, e é transitada diariamente por multitude de persoas que desfrutan dos paseos fluviais e que a utilizan como vía de acceso ao complexo deportivo municipal de Oira.

Sen embargo, a falta de iluminación impide que poda ser disfrutada nas condicións axeitadas fora do horario diurno, dados os riscos que supón a carencia de alumeado de balizamento nocturno.

Así, para dar cumprimento tanto á normativa estatal coma á autonómica en materia de accesibilidade de espazos público e de supresión de barreiras, é preciso abordar as actuacións de iluminación da pasarela de xeito que se axuste aos requerimentos de iluminación que garanticen a súa utilización autónoma, segura e con comodidade para todas as persoas.

As obras consistirán basicamente na instalación de proxectores led ao longo da pasarela, de xeito que permitan manter os niveis esixidos de iluminación e ao mesmo tempo, acentuar o seu percorrido curvo e os seus tirantes de aceiro. A  iluminación do acceso á pasarela realizarase mediante balizas de aceiro cuxo deseño permite a mimetización no entorno.

O investimento será realizado pola Axencia Galega de Infraestruturas. O Concello autorizará as obras, cedendo os terreos necesarios para a súa execución, e asumirá a titularidade das instalacións de alumeado executadas pola Axencia, e a súa explotación, mantemento e conservación.