O PSOE solicitará que se reactive esta Mesa e OUeC demandará que calquera enfermo diagnosticado teña acceso ao permiso especial de aparcamento.

O Grupo Municipal Socialista rexistrou unha moción para o seu debate no pleno do venres na que esixirán ao Goberno do PP un compromiso claro e decidido para que Ourense siga a ter unha Mesa de Mobilidade útil e “poida aspirar a un desenvolvemento urbán e cidadán ordeado e accesible”.

Así, pedirán a fixación dunha periodicidade na convocatoria, determinación duns obxectivos definidos e dotacón de medios económicos e persoais para a súa consecución, así como a mellora da comunicación e entre o goberno municipal e os axentes representados na Mesa.

Crohn e Colite Ulcerosa

Pola súa banda, Ourense en Común denuncia que a iniciativa do Concello de permitir estacionar libremente aos enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa nas zonas de carga e descarga está só limitada a socios de ACCU Ourense.

O voceiro e concelleiro do grupo municipal OUeC, Martiño Xosé Vázquez, afirma que estamos perante “unha decisión arbitraria e trato de favor a un determinado grupo de persoas”. “Os enfermos que soliciten esta tarxeta deberán facelo a través dunha asociación, ente que certificará a necesidade do permiso ao solicitante. Este proceder é completamente errado pois quen debería certificar tal enfermidade sería a propia administración pública de saúde e non unha asociación”, reclama.

Por iso, Ourense en Común solicitará no pleno ordinario deste venres revocar o decreto para que o permiso para estacionar libremente en zonas de carga e descarga “sexa ampliado a calquera afectado por esta enfermidade debidamente acreditado”, e non só se emita para os 20 vehículos vencellados á ACCU, o que permite só ao 3% dos afectados gozar deste servizo municipal.