O voceiro popular, Manuel Lage, rexeita “a pouca ética da rexedora nun proceso de selección nada claro”, no que contratou ao seu propio fillo.

O grupo municipal do Partido Popular en Castro Caldelas ven de expresar o seu rexeitamento á política de contratación da alcaldesa socialista, “que amosando moi pouca ética e nun proceso de selección nada claro contratou ao seu propio fillo”, denunciou o voceiro popular, Manuel Lage Blanco.

O representante do PP no concello explica que a alcaldesa ditou un decreto no que se resolvía a convocatoria -“de carácter excepcional para cubrir unha necesidad urxente e inaprazable”, segundo o texto do citado decreto- dun concurso de méritos para a contratación temporal de tres peóns para servizos varios.

Para nosa sorpresa –sinala Lage- o propio fillo da alcaldesa foi unha das tres persoas escollidas, mentres que outras cinco que non foron seleccionadas pasaron a formar parte dunha bolsa de traballo”.

O voceiro popular cualifica esta decisión como moi pouco ética, ao tempo que chama a atención sobre un proceso nada claro “no que  está sen publicar a relación de méritos baremables, nin as puntuacións obtidas polos participantes seleccionados  nin polos integrantes da bolsa de traballo”.

Manuel Lage denuncia tamén o uso que a alcaldesa socialista está a facer de fondos públicos procedentes doutras administracións, “como é o caso, xa que o concello é beneficiario do programa de empregabilidade da Deputación”.

O voceiro popular afirma que no ámbito da responsabilidade do grupo popular seguirán a pedir todas as explicacións necesarias, “sobre todo logo de comprobar que á alcaldesa non é quen de responder as dúbidas sobre este proceso, dicindo tranquilamente no último  pleno e en resposta á nosa interpelación sobre este tema que todo o mundo ten dereito a traballar”.