As visitas teatralizadas a este emblemático lugar realizaranse todos os mércores e sábados ata o 17 de setembro, ás 22.00 horas.

O teatro chega ao Mosteiro de San Pedro de Rocas

O teatro chega ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, e faino a través de visitas teatralizadas a este emblemático lugar da xeografía ourensá, os mércores e domingos ata o 17 de setembro, ás 22.00 horas.

A trama das visitas remóntase ao século XII cando un cabaleiro medieval busca sosego espiritual neste Mosteiro. En soños, a figura dun dos seus lendarios monxes sérvelle de guía para facer un percorrido pola historia dun cenobio singular e os seus moradores. A representación consta de aproximadamente sete escenas, e a clave destas visitas é “a interactuación, para que os espectadores coñezan máis o conxunto, a súa historia, e a cultura galega, cunha duración aproximada de 55 minutos, nas que poderán participar en cada representación un grupo de 25 persoas para que sexa doado interactuar”, dixo Darío Ángel Rodríguez, actor responsable do proxecto durante a súa presentación.

As visitas comezan na explanada do mosteiro coa recepción aos espectadores, onde se lle fará entrega a cada un deles dunha vela que conservarán durante a primeira parte da función.

O alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, agradeceu á Deputación de Ourense “a forte aposta que fai pola Ribeira Sacra. Estas visitas son unha iniciativa moi especial porque lle dá vida de maneira teatralizada ao Mosteiro e resultará moi entretido”.

Tal e como explicou Darío Ángel Rodríguez, a música ocupará un papel importante durante as visitas, con melodías medievais interpretadas e cantadas en vivo, empregando instrumentos coma a zanfona e a gaita.

Todos os interesados en asistir a estas visitas, poderán facelo de forma gratuíta inscribíndose previamente no número de teléfono do Concello de Esgos (988-290-000), ou no número de teléfono do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” (988-317-895).