Os obradoiros deberan estar en funcionamento antes do 30 de setembro, e non se coñecen os prazos de resolución da selección de alumnado e persoal docente.

Ourense en Común reclama máxima transparencia na xestión dos obradoiros de emprego previstos polo Concello de Ourense como entidade promotora e beneficiaria dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia.

O equipo de goberno do Partido Popular anunciaba no mes de febreiro a realización en Ourense de dous obradoiros ao amparo da liña de subvencións publicada en decembro do pasado ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria , para a realización de obradoiros de emprego en entidades locais, de cara á formación e inserción laboral de colectivos desfavorecidos.

Os obradoiros programados polo Concello de Ourense, nomeados “Ourense Termal” e “Montealegre”, cunha previsión inicial de custes de 294.000 e 314.000 euros respectivamente, e para os que ademáis foi aprobada unha modificación de crédito no recente pleno ordinario municipal do mes de agosto, deberan estar iniciados o 30 de setembro deste 2016 como data límite, segundo a Orde na que se establecían as bases das axudas.

Para o obradoiro “Ourense Termal”, as bases para a selección de alumnos-traballadores, persoal directivo, administrativo e docente foron aprobadas o pasado 29 de xullo, pero non foron publicadas na web municipal ata esta mesma semana, con 10 días de demora. Asemade, nas bases non figura o número de persoas que se poderán beneficiar do obradoiro, nin se establecen prazos para a presentación de solicitudes ou data límite para a resolución dos procesos selectivos abertos. Ourense en Común considera “que a información que se ofrece é insuficiente e a convocatoria non está sendo publicitada axeitadamente”.

Das bases extráese que un grupo de traballo mixto, constituído pola Consellería e o Concello serán os encargados da selección do persoal. en colaboración coa Oficina pública de emprego, polo que Ourense en Común anima aos interesados no programa a acudir ao servizo de emprego e solicitar seren correctamente informadas e asesoradas, para poder ingresar en prazo nos procesos selectivos.

No caso do obradoiro nomeado “Montealegre”, as bases aínda non se coñecen “poñéndose unha vez máis de manifesto a pouca dilixencia do equipo de goberno, tendo en conta que en pouco máis dun mes os obradoiros teñen que estar en marcha para non perder a subvención”.