Esta cita deportiva terá lugar da noite do 20 ao 21 de agosto, no Concello da Veiga, cun percorrido de 40 quilómetros.

Unha marcha nocturna alcanzará Pena Trevinca

A sétima edición da marcha nocturna “Entre lobos e estrelas” permitirá aos participantes camiñar pola noite a cima de Galicia, Pena Trevinca, do 20 ao 21 de agosto. Na presentación desta proba participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde do Concello de A Veiga, Juan Anta; e o representante do Club de Montaña O Trisquel de Trevinca, Antonio Fernández.

Bernardino González destacou que a Deputación de Ourense “colabora con esta iniciativa que resulta tremendamente esixente, así como, espectacular, polo que os participantes poderán gozar, a través do deporte, do entorno polo que transcorre esta proba”.

Os participantes reuniranse ás 22.00 horas no “Centro de Conferencias- O Toural”, onde se dará unha breve explicación sobre o percorrido e as características do terreo. Posteriormente, a saída da marcha terá lugar no pobo de Vilanova, ás 24.00 horas, no comezo da lúa chea, e rematará no pobo de Casaio (Carballeda de Valdeorras).

A distancia a percorrer desde a saída ao punto final é de 40 quilómetros, cunha duración estimada de 14 horas, “un recorrido forte e esixente”, explicou Antonio Fernández, quen engadiu, “queremos manter esta actividade coa idea do montañismo clásico, o montañismo que é cultura, sensibilidade, e apreciar todo o que nos ofrece a montaña e a natureza, que vai máis aló do deporte”.

Pola súa parte, o alcalde do Concello de A Veiga sinalou que este tipo de actividades que mesturan deporte e natureza “poñen en valor o noso territorio. Esta edición é a máis dura de todos os anos, e consigue que o ceo de A Veiga soe cada vez máis, e sexa un símbolo do rural de Galicia”, e engadiu, “esta marcha é unha das precursoras de todo o que está a suceder hoxe no municipio”.

Os interesados en participar nesta actividade poderán inscribirse ata o día 17 de agosto a través da Oficina de Turismo da Veiga (988.350.130), sendo o número máximo de participantes “de 50 persoas, pois está axustado ás esixencias do percorrido”, dixo Antonio Fernández.