Todas as etapas da edición 2016 da competición galega exhibirán as lonas de "Verín, retorno termal”.

A Volta Ciclista a Galicia promocionará o auguismo de Verín

A edición 2016 da Volta Ciclista a Galicia incluirá en todas as súas etapas a promoción do retorno do auguismo a Verín, segundo anunciou o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, na presentación da cuarta etapa deste evento, que terá comezo e remate na vila do Támega. Durante este verán, primeiro con todos os balnearios reabertos en máis de catro décadas, 4.000 auguistas acudiron ás fontes orixinais de Cabreiroá, Fontenova e Sousas a desfrutar das augas.

A etapa, que comezará e rematará en Verín, está chamada a ser -segundo Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo- a etapa reina desta XV edición, homenaxe a Álvaro Pino, tanto pola súa dificultade como pola beleza do seu trazado. A etapa percorrerá o Val de Monterrei, subirá por Laza a Alberguería, de alí pasará por Vilar de Barrio e Xinzo de Limia, e retornará por Cualedro, Albarellos, Oímbra e Vilardevós a Verín.

Segundo informou a Federación, máis de 300 persoas se desprazarán con cada etapa, como equipo técnico e corredores, e este feito en si mesmo constitúe un xeito de promoción.

Neste sentido, o tenente de alcalde de Verín destacou a importancia promocional que ten para a vila o apoio da volta, que agradeceu, e que se materializará nese mensaxe «Verín, renacemento termal» que acompañará a todas as etapas.