O resultado deste traballo será exposto no Centro Cultural Marcos Valcárcel na mostra “Cenlle: Terra, Xente, Viño”, que será inaugurada o vindeiro 6 de outubro.

O fotógrafo italiano Matteo Bertolino inmortaliza en Cenlle o viño e a vendima

O fotógrafo italiano afincado en Galicia Matteo Bertolino atópase estas semanas en pleno traballo de campo para a exposición “Cenlle: Terra, Xente, Viño”, unha proposta visual que ten o obxectivo de promocionar o municipio do Ribeiro e os seus caldos tanto na provincia de Ourense como noutros puntos de España.

A procura de localizacións para lograr as mellores imaxes, a visita de adegas e viñedos e a toma de contacto coa poboación local son algunhas das actividades da axenda de Bertolino en terras de Cenlle. Segundo el mesmo manifesta, o percorrido polo municipio permitiulle descubrir “unha paisaxe con gran potencial” da que, ademais, sorprendeulle “o toque romántico que achegan os viñedos”.

O fotógrafo italiano, cuxo traballo artístico caracterízase por posuír un forte carácter social, atópase moi satisfeito co material reunido durante as súas estancias a finais de agosto e principios de setembro. Con todo, mantense expectante ante a chegada da vendima, a cal coñecerá de primeira man nas visitas que ten previstas nas próximas semanas, unha vez se inicien as tarefas de recolleita.

Estes labores de campo terán como resultado a exposición “Cenlle: Terra, Xente, Viño”, promovida polo Concello de Cenlle, que conta coa colaboración da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e a Deputación de Ourense, e na cal participa unha decena de adegas da zona.

A iniciativa complementarase con catas de viños de adegueiros locais, permitindo aos participantes gozar dunha experiencia sensorial completa, que vai máis aló do puramente visual.

“Cenlle: Terra, Xente, Viño” inaugurarase o próximo 6 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Desde a cidade das Burgas trasladarase á Comunidade Valenciana para expoñerse a partir do 23 de novembro no Centro Municipal de Cultura de Castelló.