As obras contan cun orzamento de 700.000 euros.

Luz verde á licitación da urbanización do contorno do novo centro de saúde do Couto

Na sesión deste xoves da Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobáronse un total de 19 acordos a proposta das diferentes áreas municipais.

Algúns deles de singular importancia para a cidade, como é a licitación das obras de urbanización do contorno do novo centro de saúde do Couto, á que destinaremos un investimento de 700.000 euros, e o proxecto de urbanización da contorna da igrexa da Trinidade, unha peza de importancia estratéxica para a posta en valor do Casco Vello da cidade, na súa zona sur.

Avanzouse tamén na adxudicación dun dos servizos máis importantes que presta o Concello desde a súa área de Asuntos Sociais, como é axuda a domicilio, que presta atención a persoas maiores e dependentes nos seus domicilios. Neste caso, aprobando a ordenación das ofertas que se presentaron ao concurso convocado polo Concello.

Traballando con previsión, avanzouse tamén na contratación da Cabalgata de Reis 2017 e contratouse a Expourense a participación do Concello na próxima edición da Feita Internacional de Turismo Termal Termatalia, que se celebrará en México nesta próxima edición, a número 16.