Cociñeiros de prestixio como Flavio Morganti (Galileo), Julio Sotomayor e Daniel Guzmán (Nova) e Javier Outomuro (A Taberna) impartirán charlas e showcookings.

A aula municipal de Cociña do Concello de Ourense acolle entre o 19 e o 23 de setembro a “Semana do Mar de Ourense”, conformada por actividades divulgativas sobre os produtos do mar.

Esta iniciativa, organizada pola Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, está dirixida a restauradores, peixeiros, consumidores e escolares de Educación Primaria.

Cociñeiros de prestixio como Flavio Morganti, Julio Sotomayor e Daniel Guzmán, así como Javier Outomuro impartirán charlas e showcookings, onde se servirán tapas degustación. Tamén haberá obradoiros dirixidos a nenos de Primaria.

O luns 19 será Flavio Morganti, do Restaurante Galilego, quen dea, a partir das 6 da tarde, a charla-coloquio «A cociña dos produtos do mar», seguida dun showcooking, unha actividade dirixida en concreto a restauradores. O martes 20, á mesma hora, Ardora Formación ofrecerá unha charla sobre a comercialización dos produtos do mar, que irá seguida dun showcooking a cargo de Javier Outumuro, de A Taberna. Os peixeiros son o público obxectivo desta xornada. O mércores 21, no mesmo horario, Ardora Formación invitarán aos consumidores a recoñecer os produtos do mar, e posteriormente os cociñeiros do Restaurante Nova, Julio Sotomayor e Daniel Guzmán, serán os encargados do showcooking. O xoves 22, á mañá, estudantes de primaria participarán nun obradoiro de conservas do mar, e o venres 22, tamén en horario matutino, nun obradoiro lúdico para coñecer os produtos do mar.

A aula está situada na rúa Vasco da Ponte, 1, no barrio das Lagoas.