As actuacións, promovidas pola Consellería de Cultura e Educación, supoñen un investimento de 78.400 euros.

A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta vén de iniciar os traballos de escavación e consolidación arqueolóxica no Castro de San Cibrao de Las, en San Amaro-Punxín. A actuación, que está financiada nun 80% con Fondos FEDER, supón un investimento de 78.408  euros, ten un prazo máximo de execución é de 5 meses.

Ao abeiro deste contrato, levaranse a cabo traballos que permitirán completar a escavación, consolidación e acondicionamento do denominado barrio 1, no sector oeste do xacemento, no entorno da porta oeste do primeiro recinto amurallado.

Deste xeito, quedará á vista un barrio completo do xacemento arqueolóxico e xerarase un novo itinerario de visita, a través do percorrido polas rúas laterais, que permita comprender e explicar a estrutura e creación do espazo doméstico no interior do castro. A escavación arqueolóxica desta área permitirá completar a identificación e investigación das unidades familiares ou vivendas, coas distintas estancias e patios, que compoñen este barrio.

Os principais labores no campo (limpeza, escavación e consolidación) e a divulgación realizáranse nos dous primeiros meses da actuación, levándose a cabo con posterioridade a sinalización dos restos e o traballo de laboratorio e elaboración da memoria final.

O Castro de San Cibrao de Las, localizado no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, Lansbricae, é un dos máis senlleiros de Galicia, así como un dos máis coñecidos e visitados.