O Cidade visita ao Alcorcón de Ana Rivera e Vane Sotelo.

O Envialia buscará os tres puntos ante o Leganés

Despois de dúas xornadas lonxe dos Remedios o Envialia regresa a casa na cuarta xornada. O encontro ante o Leganés Masdeporte, décimo segundo clasificado, disputarase o sábado 1 de outubro ás 17 horas, nos Remedios. As de Chipi buscarán a segunda vitoria da tempada.

O máis preocupante é a escaseza goleadora; e é que nos tres partidos as ourensás suman soamente tres goles a favor. Ben é certo que tampouco encaixan moitos, dous tantos nos 120 minutos disputados de competición. A baixa de Rosángela (lesionada) non debería ser a causa, xa que a pesar de que marcou na pasada tempada non é unha goleadora; si que o era Ana Rivera (marchou ao Alcorcón), pero con Marta, Bea Seijas e, sobre todo, Sara Moreno o equipo aínda ten pólvora. Esta falta de gol non debería ser demasiado preocupante xa que normalmente o dominio é das albinegras durante a maior parte dos encontros. O gol chegará.

Cidade
Na cuarta xornada o Cidade visita a cancha do Alcorcón. O encontro será especial xa que nas filas das alfareras están Ana Rivera e Vanessa Sotelo. Sotelo militou nas últimas tempadas no Cidade e Rivera estivo no eterno rival, o Envialia.

O Alcorcón pretende este ano ser alternativa aos dous favoritos da Liga: Futsi e Burela; para elo reforzouse entre outras coas dúas ourensás.