O convenio entre ambas entidades para a difusión cultural alcanza este ano os 185.000 euros, 20.000 máis que o ano pasado.

A Deputación incrementa o seu apoio á Universidade de Vigo

A Deputación de Ourense reforza a súa colaboración coa Universidade de Vigo. O presidente provincial, Manuel Baltar, e o reitor, Salustiano Mato, refrendaron este martes o acordo de colaboración entre ambas entidades, mediante o cal a institución provincial contribúe con 185.000 euros (20.000 máis que en 2015) ás actividades da institución universitaria.  Asemade, mediante un segundo convenio, a Deputación achega outros 10.000 euros para cofinanciar as cinco becas de mobilidade do programa “Ourense Exterior”,

O convenio para as bolsas “Ourense Exterior” vai dirixido a descendentes de emigrantes ourensáns que cursen estudos de mestrado no campus de Ourense. As becas cubrirán as taxas de matrícula no centro que corresponda, e unha axuda de 600 euros e 2.500 euros para contribuír aos gastos da viaxe e cos gastos de aloxamento, respectivamente.,

Canto ao convenio de ámbito cultural, ten como obxectivo desenvolver accións como foros, seminarios e actividades da Cátedra “Carlos Casares”,  o programa de proxección universitaria e actividades culturais como “Alterarte”, aulas e obradoiros, a MITEU e cursos de verán, o programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do campus, ou o programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense (INOU 2016).

O incremento de 20.000 euros no orzamento permitirá, explicaba o reitor, “ter máis apoio aos grupos de investigación emerxentes  e darlle máis potencia a esas iniciativas de mergullarnos na cidade na cultura e no deporte”.

De cara a 2017, a Deputación prevé aumentar aínda máis o apoio económico á Universidade, chegando aos 220.000 euros, xa reservados nos orzamentos provinciais.

“Alianza estratéxica”

“Trátase dunha alianza estratéxica e permanente, entre ambas institucións, que se concreta nestes convenios de colaboración que sempre van a máis, froito da xestión económica da Deputación e dos bos resultados desa alianza entre o Campus e o goberno provincial, que van unidos”, dixo o presidente da Deputación de Ourense.

O reitor agradeceu o apoio da Deputación subliñando que este traballo conxunto “indica que se lle quere á universidade en Ourense, e isto maniféstase a través das súas institucións, o que nos anima a loitar cada día máis polo Campus de Ourense e facer posible que este axude no desenvolvemento económico e o benestar da provincia”.