A escultura sufrira diferentes danos por mor de actos vandálicos na súa estrutura.

O Concello restablecerá a vaca de Leandro Sánchez na praza de Paz Nóvoa

A escultura da vaca que estaba instalada na praza de Paz Nóvoa desde o pasado 19 de febreiro, volverá a ocupar este espazo o venres a partires das 10 da mañá. Esta escultura, que sufriu diferentes danos por mor de actos vandálicos na súa estrutura, foi restaurada polo seu autor, Leandro Sánchez. Este compromiso adquirírao o artista xa desde o primeiro momento da súa instalación, ao entender que a obra debía ser disfrutada pola cidadanía.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitou este luns o estudio do artista, onde se levou a cabo a reparación da peza, e fixo un chamamento ao civismo e ao respeto ao patrimonio municipal. Non en van, o custo anual que soportan as arcas do Concello por motivo dos actos vandálicos e roubos (sobre todo de cobre do cableado) está estimado en máis de 150.000 euros. “Debemos tomar conciencia de que Ourense somos todos, e todos debemos velar polo ben común. Por eso é fundamental que cando observemos ataques ao patrimonio municipal o poñamos de inmediato en coñecemento da Policía Local”, sinala o rexedor.

Operarios da Concellería de Infraestruturas serán os encargados de proceder á instalación da escultura na Praza de Paz Nóvoa. Esta peza artística foi cedida á cidade por parte da Fundación Cum Laude.