O 21 OUFF xirará ao redor do cinema iberoamericano e das propostas dos novos realizadores.

Desvélase o programa do 21 OUFF

21 películas conforman a sección oficial da 21ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que foi presentada este martes polo seu director artístico, Fran Gayo, acompañado do alcalde da cidade, Jesús Vázquez, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura, Belén Iglesias.  O certame celebrarase entre o 28 de outubro e o 5 de novembro e conta cun orzamento de 198.000 euros.

Cando Gayo aterrou en Ourense hai menos de cinco meses, fíxoo cunha intención clara, dotar ao festival  de “una coherencia y una programación clara”. O programador optou por centrarse no cine iberoamericano e nos novos cineastas, de aí a nova configuración da sección oficial, con dúas competicións: a iberoamericana, con 10 traballos, e a de óperas primas, con 11 filmes, todos eles estreas en España.  As obras seleccionadas optarán ao Premio Calpurnia á mellor película (para cada unha das dúas competicións, ao Premio Carlos Velo ao mellor director na competición iberoamericana, o Premio do Público e o Premio ao mellor actor e actriz. Como novidade, o Cineclube Padre Feijoo entregará un Premio á mellor ópera prima. O galardón que xa está decidido é o Premio Cidade de Ourense, que este ano recaerá no cineasta Oliver Laxe.

Xunto á sección oficial, completan a programación os filmes de apertura (“Santoalla” dos norteamericanos Andrew Becker e Daniel Mehrer) e clausura (“Pedro Páramo” de Carlos Velo), o OUFF Escola, un encontro de coprodución audivisual e varias seccións paralelas. “Soy un programador de la vieja escuela, me gustan las retrospectivas”, explicaba o director artístico do certame a aposta por estas proxeccións, con catro “Focos” dedicados a Hugo Santiago, Mercedes Moncada, Camilo Restrepo  e L’Abominable e María Ruido. En total, son 73 películas as que se poderán ver durante nove días de cine, un vintena das cales son de produción galega. “Estoy muy entusiasmado con la programación”, recoñecía Fran Gayo.

Nesta edición, amplíanse as sedes do festival. Ademais do Auditorio, o Teatro Principal e o Centro Cultural Marcos Valcárcel, volveranse a proxectar filmes no Centro Comercial Ponte Vella, e tamén na Biblioteca Pública, así como nas vilas de Xinzo, Celanova e O Carballiño e no centro penitenciario de Pereiro.

A partir deste mércores 19 comezará á venda online das entradas para as proxeccións, mentres que os programas de mans distribuiranse dentro dun par de días nas sedes do festival.